agosto 27, 2026

FERREIRO-ANIDO en el Lahti Historic Rally.

Lahti Historic Rally

Primer «error» del equipo Ferreiro-Anido en el Europeo de Rallies históricos, pero conservando todas las opciones para el campeonato.

 

NOTA DE PRENSA QUE NOS PASAN DESDE LA ESCUDERÍA MELIDE MOTORSPORT.

«»»»»

Un pequeno erro deixou a Xesús Ferreiro e Xavier Anido sen un gran resultado en Finlandia

 

Xesús Ferreiro e Xavier Anido participaron a pasada semana, concretamente o venres e o sábado (21 e 22 de agosto), na terceira proba do calendario do Campionato de Europa FIA de Ralis Históricos na modalidade de terra acudindo por primeira vez ao prestixioso e recoñecido Lahti Historic Rally.

A cita finlandesa supoñía un auténtico reto para o equipo de Melide e o Ford Escort RS MKII 1800 co que compiten, pois a particularidade dos rapidísimos treitos nórdicos e os seus coñecidos rasantes requiren un período de adaptación. Así comezaba Xesús Ferreiro na xornada do venres, mellorando notablemente o seu rendemento nos sete treitos disputados na primeira etapa na que finalizaba en duodécima posición absoluta e cuarto na Clase 3, sempre co ánimo de seguir mellorando ao día seguinte e tras completar unha xornada sen incidentes notables.

 

E así ocorrería durante a mañá do sábado, con Ferreiro e Anido rodando cada vez mellor nas esixentes especiais de Finlandia ata que na primeira de tarde e cando só restaban tres para rematar, saíanse a un noiro moi profundo nunha curva moi lenta e, a pesar da axuda dos afeccionados, tardaban máis de oito minutos en volver á pista, perdendo así a segunda praza provisional da Clase 3 e a novena na clasificación xeral, polo que finalizaban o rali nunha amarga novena posición da súa categoría e moi atrasados na clasificación final absoluta.

Xesús Ferreiro comentaba que “os treitos son espectaculares e é unha sensación indescritible rodar neles a semellante velocidade e cunha gran confianza, xa que o coche vai moi suave sendo unha delicia ir enlazando unha curva tras outra a altas velocidades cos rasantes polo medio. É exactamente o mesmo que se ve nos vídeos e para ser a primeira vez estabamos a adaptarnos moi ben, cunha superficie que se atopa en perfecto estado a pesar de ser sobre terra, aínda que nas segundas pasadas xa se notaba algo o paso dos 150 coches que compoñían a proba. Ao que lle guste derrapar e cun coche tan dócil como o Ford Escort RS, ten que vir unha vez na vida”.

 

Xesús Ferreiro e Xavier Anido desprazáronse a continuación a Suecia onde a partir deste venres e ata o sábado participarán na cuarta proba do certame continental, o East Sweden European Historic Rally, onde esperan sumar algúns puntos que lles permitan manterse con opcións ao título europeo na derradeira cita en Italia no mes de novembro.

«»»»»